Sunday 19 de May de 2024

Carballo, presente esta semana en eventos de ámbito estatal en Valladolid, Ibiza, Pamplona e Barcelona


Congreso Cidades que Camiñan, Seminario sobre compostaxe descentralizada, Congreso nacional de bibliotecas públicas… e máis!

Carballo está presente esta semana en eventos de ámbito nacional que se celebran en distintos puntos do estado.
A Valladolid imos por partida dobre. Por unha banda, o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; xunto coa voceira do Concello de Carballo na Rede de Cidades que Camiñan, Milagros Lantes; o asesor Daniel Barreiro e o arquitecto Alfredo Garrote participan no 10º Congreso Cidades que Camiñan, cuxo lema é A rúa é a vida. Onte asistiron á asemblea xeral da rede, integrada nestes momentos por 80 concellos e 3 deputacións, e hoxe están presentes nos relatorios que se celebran ao longo dunha intensa xornada de traballo.
A segunda vinculación con Valladolid chegou a través do festival Carballo Interplay, que foi unha das experiencias destacadas da mesa de proxectos sobre Rural / Urbano / Dixital do IX Encontro Cultura e Cidadanía. E despois do seu paso pola capital de Castela e León, o Interplay está hoxe en Barcelona, onde a súa directora, Sonia Méndez, intervén no festival Serielizados.
Onte tamén comezou en Ibiza o 12º Seminario sobre compostaxe descentralizada, no que participan o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o asesor da área, Santiago Andrade. En dúas intensas xornadas, o seminario aborda a xestión dos biorresiduos en grandes produtores ou a orde ministerial e a adaptación das ordenanzas á nova Lei de Residuos, entre outros asuntos de interese.
E hoxe tamén remata a súa participación no XI Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas a coordinadora da Biblioteca Rego da Balsa, Ana Asensio. O encontro, que se celebra en Pamplona, leva como título nesta edición Democracia, lectura e dereito á información.